Sinopse:
"Após a Caída, o que ficaba do mundo rexurdiu baixo o despotismo ilustrado e tecnolóxico da Homologación, gobernada por seres humanos co asesoramento de poderosas IAs e que encarna os ideais do Estado convertido nun Leviatán de plena eficiencia. Toda a cidadanía, os privilexiados hoi oligoi e os comúns hoi polloi, viven en paz e participan na Narración, un fluír cultural no que se mesturan todas as influencias, movementos e obras dos séculos pasados, e onde todos poden achegar as súas ideas e gozar dos seus produtos. Nunhas décadas, todos os humanos serán yousheng, seres mellorados xeneticamente cunha intelixencia prodixiosa e alta esperanza de vida.
Harshvardhan Wettin, marshall da Narración coñecido polas adaptacións dos seus moritaten ou relatos nos que conta noveladamente algúns dos seus casos, é chamado para investigar un estraño asasinato nunha facultade de ciencias cognitivas e computacionais no que semella implicada Aletheia, unha IA non autorizada que podería pór en perigo a mesma existencia da Homologación se as sospeitas sobre ela chegan ser certas. Os cibersalvacionistas, que pensan que o ser humano pode reencarnarse nunha IA após morto, e os omeguistas, que agardan con fe o advir da Singularidade, tamén están interesados en saber máis desa IA de orixe descoñecida."
Pois iso, que temos libro novo. Aínda que novo, novo, o que se di novo, tampouco é, xa sabedes como é isto do mundo editorial. Primeiro tiven que escrevelo, e como por estar xa estaba rematado por finais do 2013. Logo, pois o típico, que che digan que si, e despois que che digan que si, aínda hay marxe até que saia cando sexa máis convinte ou cando se poida, o que cadre mellor.
De que vai o libro? Pois aí case que me colledes, porque habería que dicir que cando eu era mozo, e lía bastante ciencia ficción e algo de fantasía, aínda que tamén a Kafka, os Episodios Nacionales e os grandes narradores rusos, sempre pensara que acabaría sendo un escritor de ciencia ficción e tiña ideas a argumentos sobre cousas desas a moreas. Logo, pasando o tempo, resultou que me decatei non hai moito que na realidade escrebera, case de casualidade, dous romances que se poderían catalogar daquela maneira como eróticos por chamarlles algo, outro que vén sendo un romance con certos elementos de historicidade no que aparecen uns personaxes moi estraños e un libro de relatos no que de entre catorce apenas dous se poderían catalogar como de ciencia ficción, un deles parodida do xénero de invasión extraterrestres, e xa sabedes por este mesmo blogue que a miña definición dese xénero é "impórtame un carallo".
Como acabei escrebendo una novela ciberpunk que non é ciberpunk? Pois como case todo: de casualidade. Na realidade, case non coñezo o ciberpunk, e basicamente non me gusta moito a temática porque moita da pseudociencia (na realidade pésima filosofía) na que se basea non a trago e paréceme moi aborrecida. Así que supoño que estamos ante unha novela posciberpunk, que tamén é unha cousa que teño visto definida máis dunha vez e que non dou sabido o que é. Hai cousas que me confunden e nunca dou aprendido, como as distintas seitas protestantes, as bifurcacións de Linux e os microxéneros que aparecen á mesma velocidade que as tribos xaponesas. Así que isto é que ocorréuseme o argumento, vin que tiña posibilidades e que non ía ser difícil completar o proxecto, así que fun por el e puiden rematalo en pouco tempo. Son pouco máis de douscentas páxinas en total.
Tampouco podo engadir moito á sinopse sen comezar a estripar o meu proprio traballo, pero si podo dicir que polo mesmo argumento hai non poucas referencias a algunhas obras que calquera leitor de ciencia ficción clásica identificará sen problemas, algunhas delas explícitas porque os mesmos personaxes falan delas e outras que están escondidas baixo referencias indirectas. Mesmo metín un "ovo de páscoa" que polo que sei aínda ninguén descubriu, e sigo agardando que alguén o faga. Tamén, como parte do argumento, pódese discutir se unha das dúbidas fundamentais que se expón no libro ten como solución a resposta que está detrás da primeira porta, ou se o correcto é o que se agocha detrás da segunda porta, e até aquí podo ler. Eu penso que deixei as dúas opcións en equilibro de xeito que nunha imposíbel leitura abstracta, igual que o asno de Buridán, o leitor non puidese decidir cal é a solución ao enigma. Mais isó é imposíbel, así que cada un, dependendo dos seus coñecimentos e das súas inclinacións congitivas chegará a unha conclusión ou á contraria. Igual mesmo levo unha sorpresa se alguén me argumenta de maneira que non dei previsto, e por suposto sería algo interesante.
Tambén, por suposto, xa teño pensado unha continuación, Wettin Monogatari, un proxecto de moito máis alcance neste mesmo universo que explorar. Pode parecer imposíbel, mais non porque é una precuela, na que por suposto vai pasar todo o que en Aletheia Moritat se di que non pode acontecer, e que vai provocar todo tipo de problemas de continuidade, mais que terá a súa explicación.
Pois iso xa á venda nas librarías do Reino (de Galiza), na páxina web de Urco Editora e se lle queredes dar unha probada tamén podedes baixar os dous primeiros capítulos de balde.
E se non che interesa Alethei Moritat fixo que aínda menos estes outros dous títulos:
-SuperSantiEgo



No hay comentarios:
Publicar un comentario